Falar da historia da masonería viguesa é falar da historia contemporánea da nosa cidade, coas súas luces e as súas sombras, cos seus períodos liberais e conservadores, alternándose uns e outros non sen violencia e, en máis dunha ocasión, co correspondente exilio, ese mal endémico da sociedade española produto da conduta inquisidora dalgunhas cabezas coroadas e de certos sectores sociais, moitas veces agochados baixo a enganosa penumbra da reivindicación tradicionalista ou de inadmisibles tendencias totalitaristas.

Perseguida por uns e apoiada por outros, a masonería viguesa móstrase tardía en canto ao seu nacemento e aparentemente inestable ou, cando menos, con pouco arraigamento para unha cidade portuaria, industrial e liberal que sempre apostou polo progreso e na que se debería apreciar unha maior activida- de masónica nos séculos XIX e XX, presunción moi lonxe da realidade, xa que coñecemos, suficientemente docu- mentados, moitos casos de notorios masóns vigueses e de loxas que levantaron columnas na nosa cidade.

Se nos períodos absolutistas a masonería era perseguida, na ditadura franquista foi brutalmente reprimida, ata o puntode chegar a súa extinción. Cada lei que o réxime do xeneral Franco promulgaba, e foi pródigo decretando, supo- ñía a eliminación dunha liberdade acadada con anterioridade, especialmente na Segunda República, e a masonería representaba a liberdade e, en certo sentido, o republi- canismo, razón pola que o ditador decidiu xa non só a súa persecución, senón o seu exterminio, cunha malsá obsesión persecutoria que nos lembra máis a unha actitude paranoica que a incontrolados obxectivos militares.

Tras a longa noite de pedra da ditadura franquista na que se pretendeu o esquecemento de depuracións, exilios e asasinatos de masóns cometidos na Guerra Civil e na posguerra, a sociedade hiramita viguesa renaceu no amencer ilusionado da democracia borbónica, aínda que lonxe dos principios republicanos cos que, na nosa historia recente e na de moitos outros países, se identificou e que lle permitiron medrar e albiscar prometedores horizontes, algún deles, lamentablemente, simples espellismos.

Fronte o gran desenvolvemento que tivo en moitos países euro- peos, podemos afir- mar que no século XVI- II apenas existiu maso- nería en España e moito menos en Vigo. Pro-hibida e condenada pola Inquisición dende 1738 e polos reis Borbóns Fernando VI e Carlos III (posteriormente, en 1824, por Fernando VII), a súa presenza en España nesa época  e esporádica, exceptuando as zonas de ocupación británica.

Como foi sobradamente di- vulgado, a primeira loxa espa- ñola da que se ten datos é Las Tres Flores de Lys, fundada en Madrid o 15 de febreiro de 1725 polo duque de Wharton e recoñecida pola Gran Loxa de Inglaterra en 1729 co nú- mero 50. Outra cuestión é o tema das reunións de masóns procedentes doutros países e que viviron temporalmente en España, especialmente militares franceses e ingleses ou homes de negocios euro- peos. ou de masóns estran- xeiros de paso no noso país.

Por outra parte coñecemos, por denuncias presentadas contra eles, a pertenza á masonería de españois iniciados no estranxeiro.

Pódese dicir que a implanta- ción real e definitiva da maso- nería en España ten lugar a partir da invasión francesa, que trouxo consigo a chama- da masonería bonapartista, un eficaz instrumento político -ideolóxico de expansión do imperio napoleónico.

Son poucas as referencias á masonería na Galicia do século XVIII. Coñécense casos de denuncias a galegos ante o Tribunal da Inquisición, como foron as de Juan Manrique en 1745, Simón Lafora en 1747 ou Domingo de Otas en 1753, pero a primeira loxa galega, a Logia Constitucional de la Reunión Española, non foi creada ata 1814 en A Coruña.

En 1817 transformouse na coñecida loxa militar Los Ami- gos del orden, directamente involucrada nas primeiras conspiracións de carácter liberal na historia de España.

A masonería viguesa é posible que sexa un pouco posterior. As súas orixes poderíamos situalas no Sexenio Democrá- tico (1868-1874), pero hai constancia, en 1814, da denuncia ante o Tribunal da In- quisición de Santiago do militar vigués Manuel Llorente Pastor por sospeitas de per- tenza a esta sociedade, ou da estadía en Vigo de masóns, como a do xeneral e político inglés sir Robert Wilson en 1823 e a do impresor Sebastián Iguerreta en 1840. A primeira loxa que levantou co- lumnas nos vales de Vigo foi a Hiram (ou Hijos de Hiram) no 51 en 1870, dependente primeiro do Grande Oriente Lusitano Unido e integrada posteriormente no Gran Oriente de España.

Segundo a opinión do masonólogo galego Alberto Valín, podemos diferenciar, dende as súas orixes ata a actualidade, tres etapas na historia da masonería galega: 1a) dende os seus inicios ata a conspiración antiabsolutista do Sexenio Negro, 2a) dende a revolución de setembro de 1868 ata o desastre colonial de 1898, 3a) dende 1907 ata o comezo da Guerra Civil. Estas tres etapas e unha máis, de 1977 a 2009, serán as que consideraremos para a nosa resumida historia da masonería viguesa e que abordaremos detidamente nos seguintes capítulos.

pódense diferenciar catro etapas na historia da masonería galega e, co mesmo criterio, na da viguesa: primeira, dende os seus inicios ata a conspiración antiabsolutista do Sexenio Negro; segunda, dende a revolución de setembro de 1868 ata o desastre colonial de 1898, cunha lagoa documental de varias décadas dende o fin da anterior etapa; terceira, dende 1907 ata a Guerra Civil e o exilio; e cuarta, de 1977 ata a actualidade, cunha lagoa histórica intermedia, xa que logo, duns corenta anos.


Neste, falaremos da primeira etapa da masonería galega, comprendida entre a orixe da masonería española, que poderíamos remontar á loxa fundada polo duque de Wharton en Madrid en febreiro de 1725, e as conspiracións liberais de inspiración masónica do sexenio absolutista (1814-1820).


Supuxo a loxa  Las Tres Flores de Lys, recoñecida pola Gran Loxa de Inglaterra en 1729 co número 50, o salto ao continente da masonería especulativa inglesa, aínda que a experiencia, ao contrario do que sucedeu nalgúns países europeos, non tivo moito éxito no noso, ao menos en canto a súa continuidade.  Integrada unicamente por ingleses, a loxa madrileña non tiña xa actividade ao ano da súa fundación e en 1768 foi borrada da lista da Gran Loxa de Inglaterra.


A aparición dunha asociación laica e humanista baseada na tolerancia e na fraternidade, cun atractivo carácter esotérico e que aspiraba ao perfeccionamento do ser humano, tiña que ter necesariamente unha grande acollida na inqueda Europa do XVIII, o século da revolución industrial inglesa e do espectacular crecemento dunha clase social burguesa con novas aspiracións culturais, políticas e filosóficas, pero a súa semente dificilmente podería ter xerminado na pouco fértil e permeable sociedade galega dese tempo.


En 1738 a intolerante Igrexa católica declarouse firme inimiga da masonería. Con este ánimo, o 28 de abril o Papa Clemente XII promulgou o decreto contra os masóns, a bula  In eminenti, con castigo de excomunión, e, seguindo as directrices do Vaticano, o Tribunal da Inquisición, con Andrés de Orbe y Larreategui como Inquisidor xeral en España, prohibiu no mesmo ano a masonería no noso país, prohibición sancionada máis tarde polo apoio real, mediante o edicto de Fernando VI do 2 de xullo de 1751, e que foi mantida polo monarca “ilustrado” Carlos III, tal como o fixera con anterioridade como rei de Nápoles, cando a perseguiu por considerala “gravísimo negocio e perniciosa secta”.


Porén, a persecución non tivo moito éxito en Galicia. No último terzo do século XVIII o arcebispo de Santiago e varios bispos galegos denunciaron a presenza de librepensadores nas súas dioceses, pero sen facer referencia algunha á masonería, do que se deduce a súa pouca ou inexistente presenza nestas terras. 


En base á información obtida dos procesos inquisitoriais desa época, sábese que os masóns denunciados en España eran principalmente súbditos estranxeiros, militares franceses e ingleses ou comerciantes de paso, iniciados no seu país de orixe e que nalgúns casos descoñecían a prohibición que pesaba aquí sobre a súa Orde.


Pódese dicir que a implantación da masonería en España ten lugar a partir da presenza na península das tropas francesas (a raíz do Tratado de Fontainebleau do 27 de outubro de 1807), as cales trouxeron consigo a chamada masonería bonapartista, dirixida polo irmán de Napoleón proclamado rei de España en xullo de 1808. José I Bonaparte, Gran Mestre do Grande Oriente de Francia, introduciu no noso país o Rito Escocés Antigo e Aceptado, catro anos despois de facelo no seu, e instituíu un Supremo Consello do grado 33 e último do mesmo rito.


Tratábase dunha masonería estatista oficial integrada por franceses, afastada da realidade social española, se ben, en menor medida, existía outra “afrancesada” constituída por españois. Servía, xa que logo, este modelo de organización como eficaz instrumento político-ideolóxico de expansión do imperio napoleónico, pero non tivo moi boa acollida ao chegar as fisterras atlánticas xa que as tropas napoleónicas entraron en Galicia en xaneiro de 1809 e fixéronse con todas as cidades, pero pouco a pouco foron sendo liberadas ata a retirada dos franceses a mediados do mesmo ano, tempo insuficiente para difusións proselitistas.


Foi o propio Napoleón quen suprimiu en Madrid, en decembro de 1808, o Tribunal do Santo Oficio, mentres que as Cortes de Cádiz, opostas a José Bonaparte, tomaron a mesma determinación en febreiro de 1813. Ao mesmo tempo que suprimían a Inquisición e algunhas ordes relixiosas, os bonapartistas foron creando loxas masónicas espalladas por toda a península, e a medida que as súas tropas ían abandonando, en 1813, o territorio español, os mesmos talleres ían paulatinamente desaparecendo. Pódese comprender, polo tanto, o rexeitamento dos “patriotas” nacionais á masonería, incluso por parte dos liberais, por considerala francesa e invasora, e mesmo a súa ausencia en Galicia neses anos.


Non podemos falar, xa que logo, dunha Galicia afrancesada, nin tan sequera vela como culta herdeira da Ilustración. Falamos dunha minoría urbana, constituída por burgueses, artesáns e proletarios, fronte a unha inmensa maioría rural, composta por campesiños analfabetos e supersticiosos, vítimas da reaccionaria influencia do clero e da explotación dos caciques. O panorama non podía ser máis desolador: nas primeiras eleccións ás Cortes da nosa historia contemporánea, en 1810, os deputados galegos nutríanse da fidalguía, e nas segundas eleccións lexislativas, en 1813, dos clérigos absolutistas. A masonería parecía non ter cabida na Galicia de comezos do XIX.


Unha vez  retirados os franceses e restablecido no trono Fernando VII en 1814, o funesto rei decretou, en maio do mesmo ano, a prohibición das “asociacións clandestinas” e, en xullo, restaurou a Inquisición, iniciándose así unha das máis cruentas persecucións de masóns. Meses despois, en xaneiro de 1815, o Inquisidor xeral Francisco Xavier Mier y Campillo publicou un edicto de prohibición e condena da masonería, similar ao do cardinal Consalví, de agosto de 1814, para os Estados Pontificios, e o mesmo Fernando VII, cunha una obsesión enfermiza similar a que amosaría un século máis tarde o ditador Francisco Franco, chegaría a promulgar no seu reinado catorce decretos contra a Orde.


Co fin de salvar a súa vida, moitos liberais exiliáronse en 1815 a Gran Bretaña e Francia, mentres que en A Coruña foron executados, no mes de abril, o liberal radical Sinforiano López, e, en outubro, o mariscal Juan Díaz Polier, tras o seu pronunciamento de setembro para restaurar a constitución de Cádiz.


O sexenio absolutista (1814-1820) caracterizouse pola reiterada conspiración contra o réxime fernandno, atribuída en moitos casos aos masóns, e foi precisamente a represión a que alimentou o robustecemento da oposición liberal. En xaneiro de 1820 tivo lugar o pronunciamento do masón Rafael de Riego en Cabezas de San Juan e en febreiro o do coronel Acevedo en A Coruña, apoiado pola praza militar de Ferrol,  dando pe á proclamación da constitución en toda España e á instauración do “Trienio Liberal”.


Os masóns e os liberais creron ver no paréntese do Trienio Liberal (1820-1823) o seu definitivo afianzamento, pero non foi máis que unha temporal quimera, xa que tras a entrada en España dos "Cien Mil Hijos de San Luis" en abril de 1823 en apoio de Fernando VII, restaurouse o absolutismo e na súa face máis represiva. O réxime absolutista arremeteu entón violentamente contra o constitucionalismo, o liberalismo e a masonería.


A represión antimasónica agudizouse en extremo a partir de 1824. Confeccionáronse novamente extensas listas de cidadáns acusados de pertencer á masonería e moitos deles, como se volvería a repetir un século máis tarde no franquismo, foron condenados ou represaliados sen ter sequera pertencido a ela. Entre as medidas antimasónicas pódese citar o Real Decreto do 1 de maio de 1824, no que se concedía o indulto xeral agás a aqueles que tivesen pertencido a sociedades secretas, ou a Real Cédula do 14 de febreiro de 1827, pola que se facía cumprir a bula Quo Graviora do Papa León XII de marzo de 1825 e se prohibía e condenaba toda sociedade clandestina. Como consecuencia,  produciuse un novo exilio de intelectuais, masóns e liberais a Londres, indo a residir principalmente ao barrio londinense de Somerstown; os que quedaron en España foron depurados ou axustizados.


Son poucas as referencias á masonería na Galicia do século XVIII. Coñécense casos de denuncias a galegos ante o Tribunal da Inquisición, pero non foi ata 1814 cando se fundou en A Coruña a primeira loxa galega, a Logia Constitucional de la Reunión Española, que se transformaría en 1817 na coñecida loxa militar Los Amigos del orden.


A primeira denuncia ante o Tribunal da Inquisición de Galicia por delito de masonería da que se ten noticia foi a presentada polo coronel Antonio Salinas o 8 de outubro de 1814 contra Antonio Bernard (comandante do Rexemento do Algarve), Filibeto Mahy (coronel de dragóns de Lusitania) e Ramón Villalba (ex inspector de cabalería), por propagar a masonería na cidade de Vigo.


Hai constancia tamén, en 1814, da denuncia ante o Tribunal da Inquisición de Santiago do militar vigués Manuel Llorente Pastor por sospeitas de pertenza  a esta sociedade, ou da estadía en Vigo de masóns, como a do xeneral e político inglés sir Robert Wilson en 1823 e a do impresor Sebastián Iguerreta en 1840.


É inevitable, por outra parte, facer unha análise comparativa do nacemento e da evolución das masonerías coruñesa e viguesa, por ser as cidades con máis habitantes de Galicia e polo maior desenvolvemento da masonería no medio urbano. Porén, a realidade socioeconómica dunha e outra poboación foron ben diferentes, ao tratarse A Coruña dunha cidade administrativa, capital de provincia e sede de institucións de ámbito rexional e Vigo unha cidade industrial, progresista e vigorosa en canto a súa economía pero abandonada ao longo da súa historia pola Administración. Así e todo, a importancia económica e social que tivo Vigo a finais do período que consideramos ponse de manifesto na intención do goberno de José I, en 1810, de dividir Galicia, ao modo francés, en catro prefecturas: A Coruña, Lugo, Ourense e Miño Baixo con capital en Vigo. Nunca chegaría a facerse esa división; en 1822 un Real decreto dividiría en catro provincias, entre as que non figuraron os nomes de Miño Baixo e Vigo senón o da actual Pontevedra.


Como comentamos anteriormente, a primeira loxa galega levantou columnas en 1814 nos vales de A Coruña e baixo o auspicio do Gran Oriente de Francia. Estamos a falar da Logia Constitucional de la Reunión Española, que se ben cronoloxicamente non se pode considerar bonapartista, si se pode valorar como tal pola orixe dos seus membros e polo seu modelo de organización.


Da súa composición deducimos, por outra parte, que non estamos a falar dunha loxa xenuinamente coruñesa; ao contrario: dos 29 irmáns, 17 eran españois e os restantes procedían de Francia, Italia, Austria , Inglaterra e Suíza, e dos 17 españois,  1 era de Vigo, 4 de Ferrol e tan só 2 de A Coruña.

A pesar das múltiples adversidades e do implacable acoso absolutista, a Logia Constitucional de la Reunión Española mantivo a súa actividade ao menos durante 1814. En 1817 converteríase na selectiva loxa militar Los Amigos del Orden, de definido carácter político e integrada por masóns involucrados nas primeiras conspiracións de carácter liberal da nosa historia; os seus fundadores, militares destinados no corpo de artillería, procedían de localidades como Viveiro, Llastres, Ribadeo ou Santiago de Compostela.


Poderíamos falar, xa que logo, dunha masonería coruñesa? Evidentemente non. Os integrantes da primeira loxa galega eran irmáns de diferente procedencia e profesión e sen arraigo ou aparente relación coa sociedade coruñesa. É certo que algúns eran militares destinados en A Coruña, como puideron telo sido en calquera outra praza militar española, pero a meirande parte tiña outra procedencia.


Non será ata 1868 cando a masonería viguesa, a coruñesa e a galega en xeral, arraigue no noso territorio e acade o seu maior desenvolvemento. Este frutífero período analizarémolo detidamente nos seguintes capítulos.

 

Masonería en Vigo

Historia da masonería Viguesa

Por H:.Fénix